Razer Blade, un impresionante portátil deseñado para xogar

venres, 26 de agosto do 2011 Marcus Fernández

Cando falamos de Razer normalmente véñennos á cabeza ratos informáticos (e outros accesorios) optimizados para o seu uso en xogos, pero esta marca quere levar a experiencia dos xogos para PC aínda máis adiante, e sorprende coa presentación do que aseguran que é «o primeiro ordenador portátil do mundo realmente para xogar».
O Razer Blade é un portátil potente e delgado, que en 42,7 x 27,7 x 2,24 centímetros e 3,16 quilos de peso encerra un procesador Intel Core i7 2640M a 2,8 GHz, 8 Gb de RAM a 1.333 MHz, gráfica nVIDIA GeForce GT 555M con 2 Gb de memoria dedicada e tecnoloxía nVIDIA Optimus, pantalla de 17,3 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.080 píxeles, cámara de alta definición integrada, batería de 60 Wh, disco duro SATA de 320 Gb e 7.200 rpm, Wi-Fi N, Gigabit Ethernet, Bluetooth 3.0, 1 porto USB 3.0, 2 portos USB 2.0 (sempre alimentados) e unha revolucionaria interface de usuario que tira proveito de 10 teclas dinámicas adaptables que amosan iconas segundo o xogo que esteamos a usar baixo as que hai un panel LCD capaz de amosar información dos xogo ou funcionar como un panel táctil de grande sensibilidade.
Estariamos ante un dos ordenadores portátiles máis rechamantes do mercado, que como principal eiva ten un prezo de 2.800 dólares (1.932 euros), pero que pode sentar ás bases para futuras innovacións, xa que o hardware dos ordenadores persoais leva moitos anos estancado.


Vídeo de presentación do Razer Blade

O equipo conta cunha pantalla LCD que pode amosar información secundaria ou servir de panel táctil
O novo portátil de Razer ten 10 teclas personalizables incluso en aparencia