Razer aposta pola realidade virtual open source
mércores, 7 de xaneiro do 2015
A realidade virtual continúa a ser unha promesa incumprida,
e o último fabricante en subir ao carro durante a presente edición do CES de
Las Vegas é Razer, compañía especializada en hardware para videoxogos, que está
a propor unha solución semellante ás populares Oculus Rift, pero que baséase no
ecosistema de código aberto e tería un prezo bastante
axustado (199 dólares).
O Open-Source Vritual Reality (OSVR) de
Razer consiste nunhas lentes de realidade virtual composta por unha máscara que
suxeite o hardware fronte a cara do usuario, unhas lentes para facilitar a visualización
coa mínima distorsión, unha pantalla Full HD de 5,5 polgadas capaz de presentar
imaxes a 60 cadros por segundo e módulo que integra acelerómetro, xiroscopio,
compás, 1 porto USB 3.0 externo e 2 portos USB 3.0 internos (para permitir a
súa ampliación).
Para facer funcionar estas lentes OSVR conta con software compatible con
diferentes lentes de realidade virtual e dispositivos relacionados (cámaras de
profundidade, mandos de xogos...) facilitando a creación dun completo
ecosistema para a creación de aplicacións e xogos de realidade virtual. Esta
plataforma ofrécese de balde baixo licenza Apache 2.0.
Haberá que ver agora se este produto goza do apoio da comunidade de
desenvolvedores, xa que o software e os contidos son actualmente as grandes
eivas das múltiples solucións de realidade virtual que están a chegar ao
mercado, e que pouco ofrecen ao usuario.