Razer porá á venda un adaptador de corrente de 130 watts con 4 portos USB

martes, 15 de xuño do 2021 Marcus Fernández

O fabricante de accesorios orientados principalmente a afeccionados aos videoxogos, Razer, vai pór á venda nos vindeiros días un adaptador de corrente bastante rechamante, por adoptar un formato bastante compacto e ser capaz de aportar até 130 watts a través de 2 portos USB-C e outros 2 portos USB-A.
Este adaptador de corrente GaN (nitruro de galio) pode achegar concretamente até 100 watts a través de USB-C e 18 watts a través de USB-A, de xeito que os conectores USB-C servirían para cargar dispositivos como ordenadores portátiles e tabletas, mentres que os USB-A serían máis propios para móbiles e pequenos accesorios, buscando principalmente evitar que o usuario teña que cargar con varios adaptadores de corrente nas súas viaxes. Amais, o adaptador inclúe conectores para poder empregalo en enchufes de corrente de EE.UU., Reino Unido e Europa.
Este novo adaptador de corrente mide 76 x 62 x 32 milímetros e pesa 350 gramos, polo que resulta bastante compacto e lixeiro (se temos en conta as súas prestacións) e sairá en poucos días á venda nos EE.UU. a un prezo de 179,99 dólares, descoñecéndose polo momento cando chegará ao resto de mercados internacionais nos que Razer está presente.

Con este adaptador de corrente podemos cargar numerosos dispositivos aportándolles até 130 watts

PUBLICIDADE