Razer presenta o seu segundo smartphone para gamers
xoves, 11 de outubro do 2018
O fabricante de accesorios para videoxogos Razer ousou a lanzar o
ano pasado un smartphone, que conseguiu chamar a atención grazas á
integración dunha pantalla cun refresco de 120 Hz, seguindo así a tendencia dos
monitores gaming dos ordenadores
persoais, e aínda que este dispositivo non conseguiu un grande éxito comercial,
a compañía recunca no seu esforzo por facerse un oco no mercado móbil e
presenta o Razer Phone 2.
Este novo teléfono, orientado de novo para o uso de videoxogos, continúa a
apostar por unha impresionante pantalla de 5,7 polgadas cunha resolución de
2.560 x 1.440 píxeles e unha velocidade de refresco de 120 Hz, que mellora un
50% o seu brillo e soporta HDR, de aí que podemos gozar dunhas imaxes de grande
calidade cunha fluidez de movemento sen igual. Actualiza o seu procesador até o
estándar actual na alta gama, o Qualcomm Snapdragon 845, incluíndo
refrixeración de cámara de vapor para poder soportar longas sesión de xogo, e
contando tamén con 8 GB de RAM para non ter problema para correr ningún xogo ou
aplicación de xeito áxil.
A nivel fotográfico opta por unha cámara traseira dual con sensores Sony IMX
con distintas aperturas e capaces de gravar vídeo a 120 imaxes por segundo (en
consonancia coa pantalla do terminal), aínda que a cámara frontal limita a captura
de vídeo Full HD a 60 imaxes por segundo (o que segue a ser un vídeo cunha alta
taxa de refresco).
Pero os cambios deste novo móbil son principalmente internos, resultando o
cambio externo bastante curioso, xa que o que para moitos é a grande novidade
do Razer Phone 2 é que o logotipo que presenta na súa traseira conta con iluminación
RGB, ou sexa, que pode mudar de cor e realizar distintos efectos configurables
a través dunha aplicación.
En autonomía tampouco quedará curto, xa que o Razer Phone 2 integra unha
batería de 4.000 mAh con Qualcomm QuickCharge+ e soporte de carga sen fíos
(tamén rápida, a través da base de carga que Razer vende por separado).
Aínda que este novo terminal incorpora altofalantes de bastante calidade, a
nivel sonoro outro detalle a destacar é que o dispositivo incorpora un DAC de
24 bits para USB-C, de xeito que os altofalantes e auriculares de cable que se
conecten a través de USB-C poderán gozar dun son de grande calidade.
O prezo do Razer Phone 2 é de 799,99 dólares, e aínda que xa se aceptan pedidos,
non comezará a remitirse aos compradores norteamericanos até o vindeiro día 22.
Polo momento non parece que vaia ter distribución oficial en España onde, pola
contra, si se vende un accesorio pensado para o teléfono: o Razer
Raiju Mobile. Este trebello é un mando semellante ao das consolas de
videoxogos domésticas, que incorpora un espazo no que colocar o smartphone,
facilitando así o goce de xogos móbiles cunha precisión propia dos xogos de
consola. O seu prezo será de 179,99 euros, deixando claro que estamos ante un
produto de calidade orientado a usuarios esixentes.