Realme anuncia un smartphone con batería de 10.001 mAh

martes, 20 de xaneiro do 2026 Marcus Fernández

A carreira polas baterías de teléfonos móbiles de altísima capacidade non cesa, e cada voz son máis os fabricantes que traen ao mercado dispositivos con baterías que superan a barreira dos 10.000 mAh sen ter un grosor extraordinario, o que supón practicamente dobrar a capacidade á que estabamos afeitos.
A última marca en dar ese paso é Realme, que pese a ter perdido moito pulo comercial, vén de anunciar o lanzamento na India, o vindeiro día 29, do Realme P4 Power, un smartphone con batería de 10.001 mAh, que sería dabondo para ver vídeos en YouTube durante 32 horas ou para falar por teléfono durante 72 horas seguidas.
Esta batería de alta capacidade non afecta moito o peso do dispositivo, que queda en 219 gramos, e incluso chegaría cunha sorprendente promesa: Realme comprométese a cambiar a batería do dispositivo se a súa capacidade baixa do 80 % antes de 4 anos.
Ao estarmos ante un unha batería tan xenerosa, o P4 Power inclúe tamén carga inversa de 27 watts, ou sexa, que podería empregarse como unha batería externa para cargar distintos accesorios (como o estoxo duns auriculares sen fíos).
O móbil chegará ao mercado en cor prata, laranxa e azul, promete 3 xeracións de actualizacións de Android e 4 anos de parches de seguridade, e queda por ver cal será o seu prezo de venda e se finalmente se comercializará fóra da India.