Red Dead Online principia a súa beta ao longo desta semana

luns, 26 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Hai un mes exacto viu a luz o xogo Red Dead Redemption II, a meirande produción do ano e tamén un dos xogos de maior éxito nas súas primeiras horas, confirmando o acerto de Rockstar Games á hora de realizar traballos de longo desenvolvemento e coidada factura para conseguir así manter unha grande parroquia de fieis seareiros, que non só buscan obter unha magnífica experiencia en solitario, senón que tamén queren que os modos de xogo en liña poidan ampliar as posibilidades tanto para vivir novas aventuras como de gozar dunha renovación constante que permite xogar durante moitos meses e retomar o xogo cada certo tempo.
Pero de lanzamento Red Dead Redemption II non tiña o seu modo de xogo en liña activado, asegurando Rockstar que ese modo chegaría ao longo do mes de novembro aos usuarios de PlayStation 4 e Xbox One en forma de beta, o que semella que será inminente, xa que na páxina de Xbox dedicada a Red Dead Redemption II descubríronse logros relativos a Red Dead Online, asegurando que o 0,01% dos xogadores terían finalizado a introdución do modo multixogador.
Aínda que a data de lanzamento de Red Dead Online non está escrita en pedra, confíase en que teña lugar en breve, para que os xogadores poidan gozar de Red Dead Redemption II do mesmo xeito que con Grand Theft Auto V, ou sexa, recibindo grandes actualizacións cada poucos meses que os conviden a continuar a xogar ao modo en liña que a través das microtransaccións consegue ser especialmente rendible para Rockstar, que confía cada vez máis en tal modelo de negocio, no que os xogos non son simples produtos, senón servizos que hai que atender a longo prazo, mantendo unha comunidade forte de xogadores que contribúa economicamente ao mantemento do xogo a longo prazo.

ACTUALIZACIÓN (26-11-2018):

Mañá ábrese a beta do xogo

Antes o comentamos e antes acontece: Rockstar Games vén de confirmar que mañá mesmo abre a beta de Red Dead Online, fase de probas que irá abríndose por etapas de xeito que o vindeiro venres estará dispoñible para todo o público en xeral.
A partires de mañá os usuarios que se fixesen coa Ultimate Edition de Red Dead Redemption 2 terán xa acceso a Red Dead Online, mentres que o mércores abrirase o acceso aos usuarios que xogasen ao título no día de lanzamento e o xoves a quen xogase nos 3 días seguintes. O venres xa poderá participar na beta de Red Dead Online calquera usuarios que teña unha copia de Red Dead Redemption 2 para PlayStation 4 ou Xbox One.
Dende Rockstar adiantan que o mundo aberto que teremos nesta beta poderá abordarse en solitario ou con amigos, podendo formarse grupos de até 7 xogadores, que tanto poderán ir de caza ou pesca como combater con outras bandas inimigas, buscar tesouros ou participar en misións.

PUBLICIDADE