Red.es aumenta un 400% a súa execución orzamentaria nos últimos tres anos

martes, 3 de setembro do 2024 S. P.

A entidade pública estatal Red.es fixo balance das súas máis de dúas décadas de traballo enfocadas á transformación dixital de España con proxectos de gran impacto para a sociedade e co obxectivo de ser referente en economía dixital, cidades intelixentes, servizos públicos, cidadanía, infraestruturas e internacionalización de empresas de base tecnolóxica.
No marco do 38 Encontro da Economía Dixital e as Telecomunicacións celebrado en Santander e organizado por AMETIC, o director xeral de Red.es, Jesús Herrero, acompañado do director de Administración e Finanzas, Luis Palomo, repasou os fitos máis relevantes alcanzados pola entidade, así como o reto que supuxo o incremento orzamentario dos últimos anos, pasando de xestionar 317 millóns de euros en 2021 a preto de 1.600 en 2024, o que supón un incremento de máis do 400%. Tamén valorou “a envergadura de programas de impulso da transformación dixital do tecido empresarial español”, como Kit Dixital ou Kit Consulting, os dous de Red.es, favorecendo a diminución de desigualdade entre pemes e un aumento da súa produtividade.
Segundo explicaron, parte dos logros do traballo da entidade vense reflectidos no segundo Informe sobre o estado da Década Dixital, publicado en xullo, que sitúa a España nunha posición de referencia en canto a conectividade, cunha cobertura de fibra de máis do 95% fronte ao 64% da media europea ou en dixitalización de pemes, cun 61% de intensidade dixital polo menos básico fronte ao 58% da media. Sinalaron que España tamén supera a media en competencias dixitais polo menos básicas, con máis de 10 puntos por encima, e a dixitalización de servizos públicos (84% fronte a 79%).
Salientaron tamén proxectos de impacto de Red.es como a celebración do último MWC Barcelona, onde máis de 10.000 persoas pasaron polo Pavillón de España e no que participaron 45 empresas expositoras que situaron en 12 millóns a cifra de negocio estimada. Ou a posta en marcha da Incubadora de Empresas do sector tecnolóxico sobre Realidade Virtual e Aumentada en Almendralejo (Badaxoz) que comezará a súa andaina este ano. Tamén destacaron o impulso á Comunidade Desafia xunto ao ICEX, un punto de encontro coa innovación e o talento de todas as pemes e startups que pasaron por esta iniciativa que, creada en 2011, facilita a súa entrada nos ecosistemas tecnolóxicos máis innovadores do mundo. A iniciativa sumou este ano ademais Desafia Nova York, enfocado na ciberseguridade e Desafia Nórdicos, enfocado na saúde dixital.
Ademais, lembraron que Ddesde o período de programación 2000-2006, Red.es canalizou fondos provenientes tanto da Política de Cohesión como do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia “contribuíndo a mellorar a infraestrutura dixital en España, impulsando a dixitalización de servizos públicos, as competencias dixitais, a innovación e o emprendemento e a colaboración e sinerxías entre entidades”, sinalaron no balance, engadindo que a entidade foi quen de xestionar ao redor de 1.500 millóns de euros en investimentos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) en diferentes períodos, en liñas de transformación dixital das empresas, e impulsando proxectos estratéxicos en materia de servizos públicos, en educación, sanidade, xustiza ou en impulso da dixitalización na xestión das Administracións locais.
Puxeron o foco en iniciativas como Pilotos 5G, que finalizaban a súa xustificación en decembro con máis de 120 casos de uso desenvolvidos e 81M€ de investimento; a formación para mozas e desempregados, cuxas actuacións finalizaban en xaneiro con máis de 21M€; 370 cursos e preto de 5.700 alumnos formados (case a metade deles mulleres); o Programa Escolas Conectadas, que finalizaba tamén en xaneiro con máis de 3,7 millóns de alumnos beneficiados coa dotación de banda larga ultrarápida en preto de 10.300 centros; ou a iniciativa Educa en Dixital, que en febreiro poñía en marcha o proxecto de definición de casos de uso de aplicación da IA ao sistema educativo e que completou unha dotación de 600.000 dispositivos no seu apoio á transformación dixital do sistema educativo.