Red.es mellorará a conectividade de cinco centros de investigación da provincia de Pontevedra

mércores, 26 de xaneiro do 2022 S. P.

Vista exterior do CTAG

A entidade estatal Red.es, pertencente ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, anunciou que estenderá a conectividade avanzada en cinco centros de investigación, tecnolóxicos e académicos da provincia de Pontevedra. En concreto, no Centro Tecnolóxico AIMEN (O Porriño), no Centro Galego de Innovación Aeroespacial (Nigrán), no Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (O Porriño), no Campus do Mar da Universidade de Vigo (Vigo) e na Misión Biolóxica de Galicia (Pontevedra).
Nestes centros, xunto ao Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e outro tres centros da Comunidade, Red.es estenderá a fibra óptica “co obxectivo de que poidan colaborar con outros membros da comunicade científica e académica nacional e internacional a través da RedIris, rede de investigación española que proporciona servizos avanzados de comunicacións á comunidade universitaria”.
A contía total das actuacións previstas en Galicia, que se enmarcan dentro do Plan Uni-Dixital do Ministerio de Universidades, ascende a 3,9 millóns de euros e serán financiadas con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
O Plan Uni-dixital ten un orzamento que supera os 140 millóns de euros, que se destinarán á mellora das infraestruturas dixitais e servizos TIC, ao desenvolvemento de software, as medidas de apoio á dixitalización e medidas de coordinación nas universidades e centros de investigación nacionais.

PUBLICIDADE