Redmi AX5, un novo router WiFi 6 económico

martes, 9 de xuño do 2020 Marcus Fernández

A última xeración de routers Wi-Fi están a facerse cada vez máis asumibles grazas aos fabricantes chineses, que están a comercializar routers WiFi 6 a prezos moi reducidos, permitindo así aproveitar as nosas conexións de banda larga dende dispositivos móbiles e consolas de videoxogos sen ter que realizar grandes investimentos.
O novo produto deste tipo é o Redmi AX5, un router con 4 antenas independentes que promete un largo de banda de 1.775 Mbps (1.201 Mbps na banda dos 5 GHz e 574 Mbps na banda dos 2,4 GHz) e tamén pode operar como elemento dunha rede sen fíos en malla, de xeito que podemos distribuír varios destes dispositivos polo fogar para poder conseguir unha boa cobertura. O Redmi AX5 sae á venda mañá a un prezo de 229 iuans (29 euros) aínda que o seu prezo habitual será de 249 iuans (31 euros).
Se temos en conta que unha solución de 3 elementos para montar unha rede Wi-Fi mesh pode custar 200-300 euros, o feito de poder ter unha solución por menos de 100 euros é unha grande oportunidade que cada vez está máis ao alcance dos fogares.
O Redmi AX5 funciona cun chipset Qualcom IPQ6000 de catro núcleos, 256 MB de RAM e 4 portos Gigabit Ethernet; e o seu control pode realizarse a través dunha aplicación móbil.

PUBLICIDADE