Redmi Y3, un móbil económico que aposta pola autonomía e os selfies

mércores, 24 de abril do 2019 Marcus Fernández

O vindeiro día 30 vai saír á venda na India un novo smartphone económico de Xiaomi, o Redmi Y3, que chama poderosamente a atención por un par de elementos: a súa cámara Super Selfie de 32 Mpíxeles e a súa xenerosa batería de 4.000 mAh (que promete unha autonomía de até 2 días).
O Redmi Y3 ten unha pantalla HD+ de 6,26 polgadas cunha pestana superior circular, funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 632, a súa cámara traseira dual ten sensores de 12 e 2 Mpíxeles, a súa carcasa traseira presenta un acabado en gradiente (facendo a súa cor moi atractiva), na súa traseira ten un sensor de pegadas dixitais e incluso conta cunha bandexa con capacidade para dúas tarxetas SIM e unha tarxetas microSD de até 512 GB de capacidade. Tamén pode salientarse que conserva un par de elementos cada vez menos frecuentes: conector de auriculares e emisor de infravermellos.
Pero, como xa comentamos, este smartphone presume da súa cámara frontal de 32 Mpíxeles orientada ao disparo de selfies, para o que conta con modo AI Beautify 4.0 e AI Portrait para conseguir fermosos autorretratos, e incluso aproveita a pantalla a xeito de flash para disparar instantáneas en contornos con pouca luz. De cara ás fotografías de grupo ten un obxectivo grande angular de xeito que pode captar ás persoas que estean nun rango de 80 graos, de xeito que permite recoller a varias persoas sen a necesidade dun pau de selfie.
No que respecta á súa batería, aseguran que é dabondo para reproducir vídeo até 10 horas e 20 minutos, xogar até 9 horas e 10 minutos ou falar por teléfono até 51 horas e 50 minutos, característica que para moitos compensará as súas limitacións técnicas, pois non podemos esquecer que estamos ante un dispositivo de gama baixa que na súa versión con 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento venderase a 9.999 rupias (128 euros) e con 4 GB de RAM e 64 GB de capacidade custará 11.999 rupias (154 euros).
Descoñécese cando chegará a España e se fará tal con este nome, xa que é probable que vexa a luz no noso territorio como Redmi S3 se atendemos ao que aconteceu con Redmi Y2.

O gradiente da traseira do Redmi Y3 dálle un toque distintivo pouco habitual en móbiles económicos

PUBLICIDADE