Reino Unido esixe acceso aos datos cifrados das copias de seguridade de dispositivos de Apple

venres, 7 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

The Washington Post asegura que as forzas de seguridade do Reino Unido están a esixir a Apple a creación dunha porta traseira que permita recuperar todo o contido que calquera usuario de Apple teña subido á nube da compañía.
Aseguran que a orde secreta do goberno británico, emitida o mes pasado, require a capacidade total para visualizar material completamente cifrado, non só axuda para descifrar unha conta específica. Ante esta petición parece probable que Apple, para non incumprir as súas promesas de seguridade, opte por deixar de ofrecer almacenamento cifrado no Reino Unido.
A oficina do Ministro do Interior británico entregoulle a Apple un documentoordenándolle proporcionar acceso baixo o amparo da Investigatory Powers Act de 2016, que autoriza ás forzas da orde a obrigar ás empresas a colaborar na obtención de probas cando sexa necesario. Tal lei establece que é un delito revelar que o goberno fixo tal demanda.
Apple pode apelar esta orde ante un panel técnico secreto, que avaliaría os custos da medida, e ante un xuíz que determinaría se a solicitude é proporcional ás necesidades do goberno. Pero a lei non permite que Apple atrase o cumprimento durante o proceso de apelación.
Cómpre lembrar que o acceso a contidos almacenados na nube é algo habitual nas investigacións criminais e de loita contra o terrorismo, pero o feito de que iCloud conte coa opción de activar a chamada protección de datos avanzada, que fai uso do cifrado punto a punto nas copias de seguridade na nube, impedindo o acceso aos contidos almacenados ás forzas de seguridade. Precisamente por iso houbo fortes presións ás empresas tecnolóxicas tanto nos EE.UU. como en Reino Unido, esixindo unha porta traseira, recibindo como resposta unha clara negativa, que podería non ter sido dabondo no caso británico de ser certa a información reflectida pola prensa.
Tamén é preciso salientar que, de non realizarse copias das mensaxes na nube, estas seguirían protexidas polo cifrado de extremo a extremo do que gozan as principais aplicacións de mensaxería. No caso de WhatsApp, o uso do cifrado nas copias de seguridade pode configurarse na propia aplicación, polo que podemos entender que esta aplicación libraríase desta preocupante esixencia das autoridades británicas.
Google tamén permite cifra as copias de seguridade dos teléfonos Android, descoñecéndose se a compañía de Mountain View recibiu tamén solicitudes ao respecto no Reino Unido.