Reprodutor multimedia portátil con pantalla 3D sen lentes

martes, 28 de xuño do 2011 Marcus Fernández

A popular tenda asiática Brando incorporou ao seu catálogo o reprodutor multimedia portátil Gadmei P83, que sorprende por contar cunha pantalla LCD de 8 polgadas cunha resolución de 1.280 x 768 píxeles capaz de amosar imaxes 3D sen lentes polo atractivo prezo de 179 dólares (125,48 euros) aos que só habería que engadir 3 dólares de portes (2,1 euros) de xeito que sería unha das solucións máis atractivas para introducirse na visualización de imaxes e vídeos estereoscópicos.
Este dispositivo mide 220 x 138,5 x 17,8 milímetros, pesa 518 gramos, ten unha memoria interna de 4 Gb ampliable mediante tarxetas MMC, SD ou SDHC de ata 32 GB e pode cargar contidos ao seu interior a través dun conector mini USB. É capaz de reproducir música en MP3, MPEG, PCM, AAC, WMA, OGG, APE e WAV, amosar imaxes en BMP e JPEG (2D) ou MPO, 3GP e 3DP (en 3D), e reproducir vídeo en MKV, MPEG-1/4, Real Video, DivX, M-JPEG, H.264/TS, TP, RM, RMVB, AVI, MOV, MPG, MPEG, VOB, DAT, M2TS, MTS e MP4 (2D e con soporte de subtítulos) e H.264/AVI e outros formatos populares engadindo [3D]. no seu nome de ficheiro para a súa reprodución estereoscópica sempre que esteamos ante vídeos que rexistran as imaxes esquerda e dereita no mesmo fotograma (de lado a lado). Precisamente en YouTube poden atoparse multitude de vídeos en tal formato, polo que é relativamente doado conseguir contidos para este atractivo reprodutor multimedia portátil que non parece ter problema en correr vídeo ata a 1.080p.
Véndese cunha batería de 4.000 mAh, mando a distancia, cables adaptadores USB, adaptador de corrente, auriculares e bolsa de transporte.


Demostración do funcionamento do Gadmei P83