Resident Evil 2 terá unha demo por tempo limitado

martes, 8 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

O vindeiro día 25 sairá á venda a agardada revisión do clásico Resident Evil 2, e para que os amantes dos xogos de terror e supervivencia poidan probar o xogo antes do seu lanzamento a partires do día 11 e só até o día 31 poderá descargarse a demo deste xogo para PlayStation 4, Xbox One e PC (Steam).
Esta versión de demostración dispoñible por tempo limitado permite aos xogadores enfrontarse ao reto de sobrevivir aos horrores de Raccoon City en tan só 30 minutos, de xeito que se conseguimos superar a misión nese tempo poderemos reiniciar a misión até esgotar o tempo completo, mentres que se sucumbimos durante os primeiros 30 minutos poderá continuarse o número de veces que sexa preciso até completar os 30 minutos.
Ao remate da demo revelarase un novo tráiler cinemático exclusivo da demo, o que supón un interesante incentivo para encarnar a Leon S. Kennedy nesta aventura na que terá que procurar sobrevivir aos ataques dos zombis e resolver quebracabezas para atopar unha saída segura da comisaría de policía de Raccoon City.

Leon S. Kennedy terá que fuxir da comisaría de Raccoon City nunha aventura pola supervivencia

Tráiler da demo única de Resident Evil 2

PUBLICIDADE