Resident Evil 3 terá problemas de distribución en Europa

venres, 27 de marzo do 2020 Marcus Fernández

Estes días non paran as presentacións de produtos tecnolóxicos e videoxogos á vez que os lanzamentos de lecer electrónico están a ter un grande éxito xa que son a válvula de escape de moitas persoas recluídas no seu fogar por mor do coronavirus, pero iso é posible grazas á distribución dixital, xa que a distribución física está a experimentar serios problemas o que levou a Capcom a anunciar que aínda que a data de lanzamento global de Resident Evil 3 mantense no 3 de abril, temen que en varios mercados europeos vaian experimentar retrasos na entrega dos produtos, así como escaseza de unidades.
O comunicado de Capcom dá a entender que as tendas van ter problemas para entregar copias de Resident Evil 3 o 3 de abril, especialmente no caso das edicións para coleccionistas, que poderían ser realmente complicadas de conseguir, mentres que as edicións dixitais non terían problemas, o que pode ocasionar molestias para os usuarios máis partidarios de edicións físicas e danar seriamente á canle de comercialización tradicional, xa que as copias dixitais non dependen nin de establecementos físicos nin de distribuidoras locais que, por outra banda, fan un elevado investimento en marketing, polo que a situación actual podería supor un duro golpe para o sector, especialmente se os consumidores aceleran a súa migración aos xogos descargables (que en territorios como o español aínda non son maioritarios).

A edición para coleccionistas de Resident Evil 3 podería ser moi difícil de conseguir en Europa

PUBLICIDADE