Resident Evil 4 estreará versión de PC en alta definición o mes que vén

mércores, 22 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Resident Evil 4 foi unha das entregas d saga de Shinji Mikami mellor recibidas pola crítica e o público, considerándose como posiblemente o mellor capítulo desta franquía pese a polémicas como o feito de que estea ambientada en España dun xeito bastante torpe (aínda que a moeda do país europeo é a peseta, os cidadáns falan con acento de América latina), aínda que a súa versión para PC era máis que mellorable, o que finalmente pensan remediar o vindeiro 28 de febreiro cunha Ulitmate HD Edition que xa pode reservarse por 19,99 euros en Steam.
O xogo protagonizado polo axente especial Leon S. Kennedy ao rescate da filla do presidente dos EE.UU. contará por primeira vez con gráficos en alta definición a uns fluídos 60 cadros por segundo. Tamén se adaptou o xogo para poder gozalo en pantallas panorámicas, perfiláronse os textos, melloráronse as súas texturas e incorporáronse as prestacións propias de Steam (logros, cromos e marcadores mundiais). Como en versións anteriores tamén incluirá subtítulos en español e o epílogo Separate Ways, polo que dá a impresión de que estamos ante unha adaptación da conversión en alta definición do xogo que no outono de 2011 chegou a Xbox 360 e PlayStation 3.
Os usuarios que reserven Resident Evil 4: Ultimate HD Edition poderán recibir sen custo adicional un arquivo dixital de máis de 80 páxinas e a banda sonora do xogo con máis de 60 pistas.

A revisión de Resident Evil 4 para PC mellora o xogo para adaptalo á alta definición


Trailer da nova edición de Resident Evil 4 para PC

PUBLICIDADE