Ribeira achega cursos estivais de informática para a rapazada e para adultos

luns, 14 de xuño do 2021 S. P.

En Ribeira a formación tecnolóxica non ten programado descansar no verán, máis ben o contrario: a aula local CeMIT seguirá a ser un punto de capacitación TIC, de actividades dixitais de conciliación familiar (coa axenda de cursos para nenos) e de loita contra a fenda dixital (cos obradoiros para adultos nas parroquias).
O Concello de Ribeira presentou este 14 de xuños os seus tradicionais cursos TIC de balde para esta tempada estival, unha iniciativa que ademais de acoller accións formativas na aula CeMIT no barrio de Cubeliños para nenos e nenas incluirá tamén cursos para adultos nas parroquias.
A concelleira de Innovación Tecnolóxica, Ana Barreiro, deu a coñecer esta programación, que, tocante á parte infantil comezará no mes de xullo coa celebración os luns, mércores e venres dun curso sobre mecanografía-write dirixida a nenos de 7 a 15 anos entre os días 7 e 30 de 10 a 11.30. De 12 a 13.30 haberá outro de informática básica para nenos de 7 a 10 anos.
En canto a agosto, tamén os luns, mércores e venres de 10 a 11.30 horas haberá un curso de programación coa ferramenta Scratch para nenos e nenas de 11 a 15 anos entre os días 2 e 27. E de 12 a 13.30 horas, tamén para a mesma franxa de idade, curso de ferramentas Google.
Ademais, Ana Barreiro adiantou que o Concello volve a recuperar os cursos nas parroquias que “non puideron tiveron lugar nos pasados meses por culpa da pandemia” e, con tal motivo, prevese que os martes e xoves dos meses de xullo e agosto se celebren cursos de informática básica e Internet. Haberá dúas quendas en cada un dos meses, en horario de 9.30 a 11 e de 11.30 a 13 horas. As clases concretaranse segundo demanda en cada unha das parroquias (mínimo 3 persoas apuntadas e máximo 6 por quenda).
En todos os casos, as inscricións formalizaranse do 16 ao 25 de xuño na aula CeMIT de Ribeira ou vía web na páxina da aula.

PUBLICIDADE