Ribeira mellora a súa eAdministración para facilitar as xestións da veciñanza co Concello

martes, 4 de maio do 2021 Pedro Pérez

O Concello de Ribeira traballa de cara a unha transformación dixital a través da licitación do desenvolvemento e posta en marcha de novos servizos de Administración Electrónica. Isto permitirá unha maior comodidade dos cidadáns nas súas xestións co Concello. A iniciativa está co-financiada nun 80% co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
Ana Barreiro Rego, concelleira de Administración e Innovación Tecnolóxica, explicou as grandes liñas deste conxunto de actuacións, que abranguen diversos aspectos: simplificación de trámite, menos gasto de papel, novas prestacións como solicitude de citas ou seguimento de queixas e suxestións, etc.
Así, no anuncio deste 4 de maio, Barreiro Rego enumerou dez melloras englobadas no expediente de contratación realizado ao longo dun ano e que vai a ser percibido polos cidadáns. As melloras, que se irán implementando nun máximo de seis meses a partir da adxudicación do contrato, e que se plasmaron no expediente, poderán verse modificadas polas propostas dos ofertantes, e son as seguintes:
1- Unha nova sede electrónica, cun novo concepto no que esta sede non sexa unicamente un portal dentro da web.
2- Novos trámites con procedementos máis sinxelos para o cidadán.
3- Adoptar unha nova solución tecnolóxica para a presentación de documentos na Oficina de Atención Cidadá que vaian dirixidos a calquera administración a través do sistema de interconexión de rexistros (SIR), o que permitirá suprimir os envíos de papel de administración a administración ao xerar copias auténticas electrónicas da documentación presentada.
4- Propiciar a acreditación de representantes ou apoderados a través da Plataforma do Estado.
5- Posibilitar a interconexión coa Plataforma de Intermediación do Estado, de tal xeito que cando un cidadán inicie un trámite non teña que aportar a documentación acreditativa: copia do DNI, AEAT, Seguridade Social, Dirección Xeral de Tráfico, etc…
6- Poder acceder á na nova sede electrónica autenticándose coa Cl@ve PIN, e non só co certificado dixital ou DNI electrónico como ata agora.
7- Poñer a disposición a carpeta cidadá Notific@ para que os cidadáns teñan nela todas as notificacións ou requirimentos que emita o Concello de Ribeira ou incluso outras administracións.
8- Xestionar a través da sede unha solicitude de cita cun departamento ou edil da Corporación ou con alcaldía.
9- Acadar unha solución tecnolóxica que permita a recepción, identificación e seguimento de avisos, queixas ou suxestións a través da web ou da aplicación móbil do Concello.
10- Dispoñer dun taboleiro de edictos único, o que posibilitará acceder a todas as publicacións oficiais do Concello nun mesmo apartado da nova sede electrónica.

PUBLICIDADE