Ribeira presenta a súa programación TIC para Nadal: unha videconferencia con Papá Noel e dous cursos para a rapazada
mércores, 4 de decembro do 2019
A programación informática de Nadal do Concello
de Ribeira regresa por estas datas e, como novidade, este ano a aula
CeMIT brindará a posibilidade a 80 nenos e nenas ribeirenses
pertencentes a dous centros educativos do municipio de falar por
videoconferencia con Papá Noel, que os atenderá desde Laponia unha
semana antes da súa visita na Noiteboa. A actividade, que está
promovida desde a Xunta de Galicia, terá lugar na mañá do 16 de
decembro, agardando desde a Concellería de Innovación Tecnolóxica
estendela a outros nenos e nenas e a outros colexios en futuras
edicións.
Así o explicou a concelleira Ana Barreiro nun
acto no que deu a coñecer tamén a organización dos dous cursos
gratuítos que se celebrarán nas vacacións e que están orientados
á rapazada do municipio no marco do Nadal Informático.
Concretamente, do 23 de decembro ao 3 de xaneiro,
en horario de 10.00 a 11.30 horas, desenvolverase o curso Iníciate
na informática, dirixido a cativos con idades comprendidas
entre os 7 e 10 anos, onde aprenderán a navegar por Internet, facer
debuxos ou animar fotografías, entre outros contidos.
Tamén do 23 de decembro ao 3 de xaneiro, pero
desde as 12.00 ata as 13.30 horas, terá lugar un segundo curso
denominado Retoca as túas fotos, esta vez destinado a
alumnado de 11 a 14 anos.
En ambos casos, as inscricións pódense
formalizar a partir do 16 de decembro na Aula CeMIT ou a través da web.
Ao finalizar cada acción formativa entregase un
diploma aos participantes e un pequeno agasallo sorpresa.