Riddick estreará xogo na App Store o vindeiro venres

mércores, 18 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Tras a estrea nas salas cinematográficas de Riddick, terceiro filme da saga protagonizada por Vin Diesel, algúns dos desenvolvedores dos xogos anteriores baseados na franquía (o deseñador orixinal de Chronicles of Riddick: Escape from Butcher Bay e membros do equipos de Chronicles of Riddick: Assault on Dark Athena) xuntaron forzas con Tigon Studios para facer realidade Riddick: The Merc Files, que o vindeiro venres será a estra do personaxe en dispositivos móbiles.
Este xogo para iOS achegará unha experiencia de infiltración e acción con control táctil, que presenta unha aventura moi semellante á do último filme, meténdonos no rol de Riddick e tendo que enfrontarse a mercenarios que o perseguen, fuxindo deles, enganándoos ou eliminándoos segundo a táctica que elixamos en cada situación.
Riddick: The Merc Files seguirían na tónica cada vez máis habitual de lanzar xogos baseados en filmes directamente para dispositivos móbiles, permitindo así ofrecer uns títulos cun nivel modesto, que non resulten tan lamentables como os xogos para consolas domésticas que normalmente se inspiraban en películas de éxito. Amais, dende Gaming Corps aseguran que van lanzar paquetes con contido adicional de xeito regular, para engadir novos niveis e elementos ao xogo, manténdoo vivo durante bastante tempo.


Trailer de Riddick: The Merc Files

PUBLICIDADE