Ring presenta unha cámara de seguridade voadora

venres, 25 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Ring, compañía filial de Amazon, sorprende presentando ao público un novo produto dirixido a manter a seguridade do fogar que innova ao combinar unha cámara de seguridade doméstica cun dron de pequenas dimensións. A Ring Always Home Cam vén a ser unha cámara doméstica que realiza voos automatizados por percorridos fixados ao longo do fogar, de xeito que os seus traxectos buscarían cubrir as estancias máis susceptibles de padecer intrusións mentres se evita captar imaxes en habitacións nas que tal operación podería violentar a intimidade dos usuarios.
Esta curiosa cámara de seguridade voadora iniciaría os seus voos cando se detectase algunha incidencia, realizando unha exploración visual para comprobar que todo vai ben, podendo o usuario ver o percorrido realizado a través de streaming mediante da aplicación móbil de Ring, que simplemente facilita a visualización, ou sexa, que non pode controlar a distancia o pequeno dron voador, xa que preténdese que simplemente sirva para saber o que acontece no domicilio (como se alguén entrou por unha fiestra aberta) e non espiar a distancia, deixando claro que esta tecnoloxía quere coidar a privacidade dos seus usuarios para evitar as reticencias que claramente moitos terán ante este tipo de tecnoloxía que parece sacada dunha película de ciencia ficción.
A cámara voadora conta con sensores para evitar chocar con obstáculos, e ao realizar só voos por traxectos establecidos previamente enténdese que os seus desprazamentos polo fogar serán totalmente seguros.
Cómpre salientar que polo momento non ten data de lanzamento prevista nin se anunciou o seu prezo, existindo serias dúbidas sobre se chegará a comercializarse ante a posible percepción negativa dos usuarios. O tempo dirá se os consumidores queremos sistemas de vixilancia tan intrusivos que parecen sacados de filmes como Minority Report.

Vídeo promocional da Ring Always Home Cam

PUBLICIDADE