Rise of the Tomb Raider estreará versión para PC o vindeiro día 28

martes, 5 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Tras ter unha magnífica acollida en Xbox One e Xbox 360, Square Enix confirma que Rise of the Tomb Raider estreará versión para PC o día 28 de xaneiro, estando dispoñible tanto a través de Steam como na tenda de Windows 10. O prezo da versión estándar é de 49,99 euros, mentres que a versión de luxo, con pase de tempada, venderase por 77,98 euros. Os seareiros máis fieis das aventuras de Lara Croft tamén terán dispoñible unha edición para coleccionistas en formato físico a un prezo de 129,99 euros que incluirá a edición de luxo do xogo en caixa metálica, xunto cunha figura de 30 centímetros de altura e réplicas do colgante e o diario de Lara.
O xogo conserva todos os elementos da versión de consola, pero Crystal Dynamics e Nixxes Software engadiron numerosos detalles como é o soporte de ultra alta definición, polo que os posuidores dun equipo informático de grandes prestacións poderá contemplar o xogo cun nivel de detalle moi superior que o da súa versión de consola. Temos así unha grande oportunidade para os xogadores de PC e tamén para xogadores de PS4 que non queiran agardar a finais de ano para poder gozar desta nova aventura da saga Tomb Raider.

O xogo para PC soporta gráficos 4K, de xeito que presentará un nivel de detalle inédito en consola
Os usuarios de PC tamén poderán gozar da edición para coleccionistas que inclúe unha figura de Lara Croft

PUBLICIDADE