Rock Band inicia a súa apertura aos creadores de música

mércores, 20 de xaneiro do 2010 Marcus Fernández

As tendas virtuais de temas descargables para os xogos de Guitar Hero e Rock Band son unha importante fonte de ingresos tanto para as compañías de videoxogos como para o sector musical, do que só os grupos consolidados podían tirar proveito, o que está a mudar con iniciativas coma a Rock Band Network, que segundo anuncio Harmonix, iniciou a súa fase de probas, de xeito que a través da Xbox 360, os músicos (tanto afeccionados coma profesinais) que estean interesados poderán converter os seus temas para o xogo Rock Band, de xeito que logo pasarán polo escrutinio dos usuarios, que decidirán se as cancións son axeitadas, para publicalas posteriormente coma descargas de pagamento.
O proceso de conversión musical non é sinxelo, e incluso hai quen ofrece coma servizo a razón de 500 dólares por minuto, aínda que parece natural agardar que os grupos independentes prefiran traballarse eles mesmos o proceso para poder empregar os xogos musicais de consola tanto para facer negocio como para darse a coñecer.
Segundo o Wall Street Journal, grupos coma Creed e Evanescence aproveitarán este servizo para espallar a súa música, e non sería de sorprender que moitas outras formacións seguisen os seus pasos, satisfacendo así aos seus seguidores, que poderán interpretar as súas cancións dun xeito interactivo que intensifica a experiencia de escoita musical.

PUBLICIDADE