Rock Band sube ao carro da realidade virtual

luns, 6 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Tras ousar a recuperar a franquía de xogos de Rock Band dende Harmonix non queren dar a guerra dos xogos musicais por perdida e buscan aproveitar as últimas innovacións para permitir que os seareiros da música rock poidan gozar da mesma dun xeito cada vez máis persoal e inmersivo, para o que anuncian Rock Band VR, un novo xogo que sairá é venda o 23 de marzo cun mando sen fíos con forma de guitarra Fender Stratocaster de xeito que os posuidores dun casco de realidade virtual Oculus Rift poderán gozar da experiencia propia de Rock Band pero, en vez de ver o xogo en terceira persoa, gozarán da experiencia dende un punto de vista subxectivo, transmitindo a sensación de que o xogador está a participar en directo nun concerto.
Aparte dunha guitarra de Rock Band para PlayStation 4 ou Xbox One, o xogo tamén precisa do accesorio Oculus Touch, que hai que colocar no mastro da guitarra. Dado que falamos dun xogo de realidade virtual, sobra dicir que o ordenador no que hai que facelo funcionar ten que ter unha potencia considerable.
Rock Band VR non se limitará a ofrecer un modo de xogo clásico no que interpretar os 60 temas musicais de artistas de lenda (polo momento confirmaron a presenza de Walk This Way de Aerosmith, When You Were Young de The Killers e Ain’t It Fun de Paramore) e de novas cancións que poden adquirirse en formato descargable, senón que tamén permitirá xogar con acordes, notas e velocidades para conseguir un son que dea personalidade ás nosas interpretacións.

Vídeo promocional de Rock Band VR

PUBLICIDADE