Rocketbook, o caderno que pode borrarse no microondas
mércores, 11 de marzo do 2015
En Indiegogo está a ter unha magnífica acollida un proxecto
que xa multiplicou por dez a meta que se tiña fixada, demostrando que o
produto proposto, o Rocketbook, é un concepto que pode resultar atractivo para
o grande público. Esta solución para dixitalizar de xeito doado as nosas
anotacións sobre o papel destaca por ser tan rudimentaria como orixinal, xa que
consiste nunha libreta cunha pauta impresa sobre a que escribir para que poida
recoñecerse a través dunha aplicacións móbil, que capturará a imaxe para subila
á nube segundo o que teñamos indicado en cada folla (na parte inferior podemos
tachar unha icona que servirá para que a aplicación de dixitalización saiba se
queremos que a imaxe capturada se almacene en Dropbox, Google Drive ou
Evernout, ou incluso se envíe por correo electrónico).
Aínda que este tipo de solucións non son algo novo, neste caso destaca porque
as follas de papel empregadas para escribir son reutilizables, xa que se
escribimos sobre elas coas rotuladores borrables
FriXion de Pilot, podemos borrar todo o contido con meter a libreta no
microondas durante 30 segundos.
Entendemos así que o Rocketbook non é un produto atómico, senón que trátase da
combinación dunha libreta especial, unha aplicación móbil e un tipo específico
de rotuladores (que poden mercarse con certa facilidade), que pode resultar moi
práctico tanto para tomar anotacións nunha xuntanza empresarial como para tomar
apuntes nas aulas, que grazas ao uso dun smartphone con iOS ou Android como
dispositivo dixitalizador convértese nunha solución moi práctica e económica,
xa que o prezo de venda dun destes cadernos forneables
de 100 páxinas sería de 25 dólares (37,94 euros con gastos de envío incluídos)
con descontos ao pedir varias unidades (3 cadernos custarían 65 dólares, ou
sexa, 75,87 euros cos gastos de envío incluídos). Comezará a entregarse aos
mecenas que apoien o proxecto en Indiegogo a partires do mes de xullo.
Vídeo promocional do Rocketbook