Rocksmith chega ás tendas españolas

venres, 28 de setembro do 2012 Marcus Fernández

Ubisoft trae hoxe ás tendas españolas o xogo Rocksmith, que é a evolución dos xogos de guitarra tipo Guitar Hero e Rock Band, que evita as guitarras de plástico para permitir xogar directamente cunha guitarra eléctrica real, axustando o seu nivel de dificultade para permitir que o título poida comportarse como unha plataforma de aprendizaxe, de xeito que os usuarios non iniciados poderán dar os seus primeiros pasos coa guitarra eléctrica, aprendendo os temas do seu completo catálogo. Para funcionar, este título véndese cun adaptador de jack a USB que facilita a conexión dunha guitarra eléctrica estándar á Xbox 360, a PlayStation 3 ou o PC, podendo atoparse tamén nalgúns establecementos o xogo dispoñible nun lote cunha guitarra de aprendizaxe.

O xogo ten unha mecánica moi semellante á de Guitar Hero

O xogo leva bastantes meses no mercado norteamericano, pero o retraso en chegar a Europa tamén ten as súas vantaxes, pois neste tempo o xogo foi evolucionando, e agora nós terémolo coas melloras que foron esixindo os seus usuarios como o soporte completo de baixo, unha optimización xeral do xogo, control manual da velocidade do repetidor de riffs e unha opción do repetidor de riffs para que guitarristas intermedios e avanzados poidan ver dun xeito máis rápido máis notas de cada canción (de xeito que cando un xogador demostre a súa mestría nun axuste de dificultade do modo de niveis, poderá xogar a ese nivel sen tocar a canción enteira).
O xogo inclúe un catálogo musical moi amplo, e recibirá novas cancións de xeito descargable despois do seu lanzamento.


Trailer de lanzamento de Rocksmith

PUBLICIDADE