Roku presenta a súa nova solución para levar contidos multimedia da Internet ao televisor

martes, 4 de marzo do 2014 Marcus Fernández

A idea do Chromecast de Google resulta moi atractiva (un pequeno dispositivo conectado a un HDMI dun televisor para achegar contidos da Internet e cun prezo moi axustado), pero ese produto aínda non madurou, e Roku quixo aproveitar a situación anunciando o Rocku Streaming Stick (HDMI version) que é un pequeno reprodutor para o televisor que pode controlarse dende un smartphone ou tablet con iOS ou Android (aínda que tamén conta con mando a distancia) para acceder a través dunha atractiva interface a películas, programas de televisión, plataformas como YouTube e Netflix e incluso para reproducir contidos multimedia do móbil en pantalla grande (agardándose que nunha actualización futura permita tamén reproducir no televisor os contidos almacenados nun ordenador).
Este produto sae á venda nos EE.UU. en abril por 49,99 dólares (36,4 euros), mentres que no Reino Unido venderase por 49,99 libras esterlinas (60,67 euros), prezos claramente superiores á solución de Google, pero co atractivo de que este dispositivos xa conta cun importante catálogo de contidos agora.
Dende Roku presumen que o Streaming Stick facilita o acceso a máis de 1.200 canles (máis de 750 canles no caso de Canadá, Reino Unido e Irlanda), superando en variedade a calquera outro dispositivo deste tipo, e poden incluso reproducir vídeos a 1.080p (grazas en boa medida por contar con conectividade Wi-Fi N de dobre banda).
Outro punto forte a ter en conta é que Roku conseguiu colocar no mercado dende 2012 máis de 2,5 millóns de dispositivos, o que é toda unha garantía para os consumidores, que ven na marca unha garantía de confianza, aínda que non parece que vaiamos ver o produto oficialmente en España.

PUBLICIDADE