Rollei presenta dous modelos de cámaras con Wi-Fi axeitadas para os aventureiros

martes, 24 de febreiro do 2015 Redacción

A compañía xermana Rollei, centrada na fabricación de produtos fotográficos, vén de lanzar un par de cámaras á medida dos aventureiros. Trátase dos modelos Actioncam 400 e Actioncam 410, que entre outras cousas contan con Wi-Fi integrado e inclúen, a maiores, unha ampla gama de accesorios para “satisfacer aos seareiros dos deportes extremos”. Tanto as incorporacións en conectividade coma os restantes elementos (por exemplo a alta resolución de gravación) das cámaras diríxense a permitir ao máximo a recreación de acontecementos ou fazañas deportivas, amais de darlle azos a quen amais de ser afeccionado/a ás aventuras, sexa afeccionado a compartir.
As cámaras, sinala a compañía, están “totalmente equipadas para a realización de calquera actividade extrema grazas aos seus numerosos accesorios, entre os que cabe destacar o seu versátil carcasa resistente á auga e o soporte para cascos e bicicletas”. Os dous novos membros da familia ofrecen unha resolución de gravación Full HD de 1080p e conectividade WiFi con alcance de até 15 metros. Tamén acubillan un mando a distancia sen fíos, con ancoraxe ao pulso, que facilita un acceso rápido e seguro ás funcións de vídeo start/stop e o mecanismo de disparo e apagado para o control remoto das fotografías, cun alcance máximo de 15 metros.
A Actioncam 400 é unha videocámara de acción con Wi-Fi integrado e resolución de vídeo Full HD (1080p/30fps). Inclúe Wi-Fi integrado cun alcance de até 15 metros, batería de ións de litio recargábel e carcasa protectora resistente á auga, mergullábel até 40 metros de profundidade e un mando a distancia sen fíos que se carga con pulseira.
A Actioncam 410 é unha videocámara de acción de 4 megapíxeles con resolución de vídeo Full HD (1080p/60fps). Inclúe Wi-Fi integrado cun alcance de até 15 metros, batería de ións de litio recargábel e carcasa protectora resistente á auga, mergullábel até 40 metros de profundidade e o mesmo mando a distancia ca no anterior modelo.
As dúas novas cámaras presentadas por Rollei, Actioncam 400 e 410, teñen un prezo recomendado de 99,99 euros e 149,99 euros respectivamente.

PUBLICIDADE