Sackboy: Una aventura a lo grande chegará a PC en outubro

xoves, 29 de setembro do 2022 Marcus Fernández

Que Sony decidise lanzar en PC xogos como Marvel’s Spider-Man e God of War resultou bastante rechamante, pero o novo xogo en recibir tal tratamento é aínda máis significativo, xa que trátase de Sackboy: Una aventura a lo grande, que chegará a Steam e á tenda de Epic Games o vindeiro 27 de outubro, algo moi difícil de imaxinar nos últimos anos, xa que Sackboy leva sendo a mascota non oficial da PlayStation dende o lanzamento de LittleBigPlanet en 2008.
Esta versión de Sackboy ofrece detallados gráficos en 4K que nos equipos máis potentes poderá moverse até 120 imaxes por segundo, tira proveito da tecnoloxía nVIDIA DLSS2 para mellorar o seu rendemento en equipos con gráficas RTX, é compatible con VRR e tamén pode verse correctamente con pantallas ultrapanorámicas (chega até unha proporción de 21:9).
Aínda que o xogo está optimizado para o seu uso cun mando DualSense, será posible controlalo incluso con rato e teclado, e tamén acepta logros e gardado na nube. Pode xogarse en solitario ou en equipos de 2 a 4 aventureiros, contando tanto con partidas en grupo locais como en liña.

Tráiler de Sackboy: Una aventura a lo grande para PC