Sae á venda o Honor 9

martes, 27 de xuño do 2017 Marcus Fernández

A filial de Huawei, Honor, presentou hoxe en Berlín o seu novo móbil insignia, o Honor 9, que presenta unha traseira de vidro 3D cun marco de metal que consegue unha estética moi atractiva, facendo que o deseño estético deste terminal móbil sexa un tan rechamante como o feito de que presente unha cámara traseira dual con sensores de 20 e 12 Mpíxeles (monocromo e cor respectivamente).
O Honor 9 tamén quere presumir de músculo, e conta no seu interior cun potente procesador Kirin 960, 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento (ampliable mediante tarxetas de memoria de até 256 GB) e funciona con EMUI 5.1 (baseado en Android 7.0). Ofrécese con pantalla Full HD de 5,15 polgadas, cámara frontal de 8 Mpíxeles, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.1, USB-C, lector de pegadas dixitais, NFC, batería de 3.200 mAh, un grosor de 7,45 milímetros e un peso de 155 gramos.
Curiosamente España está entre os países de lanzamento deste novo móbil, que chega en cor Azul ou Gris a un prezo de 449,90 euros, incluíndo de xeito promocional unha pulseira de actividade Honor Band 3.

A carcasa do Honor 9 destaca especialmente na súa versión en cor azul

PUBLICIDADE