Sae á venda o primeiro smartphone de Blusens

venres, 17 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

A difícil situación económica que está a vivir Blusens Technology non paralizou á compañía con sede en Compostela, e nos últimos días están a ampliar o seu catálogo de produtos con smartphones con Android e dobre SIM a prezos que van dende o 79 euros do Blusens Smart Pocket ata os 189 euros do Blusens Smart Trendy, pasando polo primeiro dos novos teléfonos en pórse á venda, o Blusens Smart View, que ten un prezo de 119 euros (estando xa dispoñible tanto nun modelo branco como noutro negro).
Estamos ante un smartphone moi básico a todos os niveis, que funciona cun procesador MediaTek de dobre núcleo a 1,3 GHz, 512 Mb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD), pantalla AMOLED de 4 polgadas cunha resolución de 640 x 360 píxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, microUSB 2.0 OTG, cámaras de 5 e 0,3 Mpíxeles, batería de 1.500 mAh, 1,03 centímetros de grosor e 137 gramos de peso que parece buscar simplemente achegar un smartphone libre con Android 4.2 a un prezo reducido. Como o resto de dispositivos da serie Smart, inclúe 25 Gb de almacenamento na nube durante un ano sen custo adicional.

PUBLICIDADE