Sae á venda o xogo de PatoAventuras

martes, 13 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Nos últimos meses temos comentado en varias ocasións que Capcom está a preparar a volta do xogo baseado na serie de televisión PatoAventuras que saíra inicialmente para a Nintendo en 1989, e hoxe podemos celebrar o seu lanzamento en alta definición, nunha versión na que se refixeron os seus gráficos de xeito maxistral (volvendo a debuxar todos os seus personaxes e escenarios) e que dende hoxe pode mercarse para PC, mañá estrearase na PlayStation Network e a partir do xoves estará dispoñible na Nintendo eShop, mentres que os usuarios de Xbox 360 deberán agardar ao 11 de setembro para poder facerse con este clásico remasterizado.
DuckTales: Remastered sae á venda por 13,99 euros na súa versión para PC (13,49 euros na súa versión para PS3) e recupera as aventuras do Tío Gilito e os seus tres sobriños a través de numerosos mundos temáticos nos que busca 5 tesouros lendarios. O xogo conseguiu cobrar unha nova vida non só refacendo os seus gráficos, senón que tamén puido contar coas voces orixinais da serie de televisión (grazas á colaboración de Disney) polo que a moitos daralles a impresión de que están fronte a serie animada en vez de ante un videoxogo.


Último vídeo promocional de DuckTales: Remastered

PUBLICIDADE