Salesforce merca Slack

mércores, 2 de decembro do 2020 Marcus Fernández

Salesforce e Slack veñen de anunciar un acordo definitivo mediante o que Salesforce adquire Slack nunha operación a valoración de Slack en 27.700 millóns de dólares. Salesforce é a compañía líder mundial en CRM (sistemas de administración de relacións cos clientes) mentres que Slack é unha ferramenta de comunicación en equipo cun nivel de adopción moi elevado dentro de empresas e proxectos de traballo colaborativo.
A combinación de Slack con Salesforce Customer 360 aseguran que suporá un grande cambio para os clientes e a industria xa que a suma creará o sistema operativo para o novo xeito de traballar, outorgando ás compañías unha forma única de medrar e ter éxito nun mundo en que todo é dixital. A plataforma aberta de Slack está integrada con máis de 2.400 aplicacións e coa integración en Salesforce consolidarase o meirande ecosistema de aplicacións corporativas, destacando o rol de Salesfor como plataforma para conectar cos clientes.
Queda por ver agora o que acontecerá a longo prazo con Slack, xa que é un servizo empregado por multitude de empresas que non son clientes de Salesforce ou que non empregan ningún tipo de CRM, e a absorción da ferramenta podería levar a cambios na súa comercialización.

PUBLICIDADE