Samsung Display promete webcams ocultas na propia pantalla dos portátiles

xoves, 14 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

A división de pantallas de Samsung publicou un vídeo promocional que baixo o título de Samsung Blade Bezel amosan o que sería unha webcam baixo a pantalla dun ordenador portátil, o que serviría para que a cámara non tivese que ocupar parte do marco do equipo, permitindo así que a pantalla OLED sexa máis delgada e lixeira, á vez que ocupa unha maior área.
Aínda que haberá que ver como é a calidade de imaxe deste tipo de webcam, o que si pode ser unha grande vantaxe é o feito de que o usuario podería dirixir a mirada á mesma mantendo os ollos sobre a pantalla, facilitando o contacto visual durante as conversas en vídeo.
Actualmente xa hai smartphones con cámaras baixo a pantalla, pero a súa calidade é bastante mala, polo que non parece que vaia ser unha tecnoloxía que vaia imporse a curto prazo, precisando de bastantes meses para madurar, aínda que será interesante ver como tamén chega ese concepto a ordenadores portátiles.

PUBLICIDADE