Samsung Galaxy Watch Active2 Under Armour Edition chega a España esta semana
luns, 21 de outubro do 2019
O vindeiro venres chega a España o Samsung Galaxy Watch
Active2 na súa edición exclusiva Under Armour, smartwatch que xa pode reservarse
a un prezo de 339 euros na súa versión Bluetooth de 40 milímetros e de
359 euros para o modelo Bluetooh de 44 milímetros. Quen reserve o reloxo
antes do venres recibirá unha correa de coiro valorada en 79,99 euros.
Este reloxo conectado ten unha clara vocación deportiva, e a súa nova variante
proporciona unha experiencia de carreira conectada que achega vantaxes no
rendemento dos corredores, para optimizar a súa forma física e reducir o risco
de lesións a través de funcións exclusivas.
Os usuarios do Galaxy Watch Active2 Under Armour Edition recibirán 6 meses de
balde da versión premium de MapMyRun (a comunidade de fitness meirande do mundo)
valorado en 15 euros. Tamén é posible conectar o calzado a través de UA HOVR de
Under Armour con MapMyRun e recibir os comentarios en tempo real sobre o seu
adestramento (por exemplo, a lonxitude do paso) directamente na pantalla,
convertendo cada carreira nunha sesión persoal de adestramento.
A nova edición Under Armour ten un corpo de aluminio lixeiro e deportivo con
correa de fluoroeslastómero (FKM) que no modelo de 40 milímetros é de cor gris,
mentres que a versión de 44 milímetros é de cor negra.