Samsung adapta o Galaxy S20 para usos militares

xoves, 21 de maio do 2020 Marcus Fernández

A familia Galaxy S20 ten varios integrantes, aos que vén de unirse o Galaxy S20 Tactical Edition, unha revisión do móbil insignia de Samsung que adáptase para o seu uso en misións militares, para o que conta con software adicional e, especialmente, unha funda reforzada da marca Juggernaut (fabricante con fundas resistentes para os móbiles insignia de Samsung e Apple dende o Galaxy S9 e o iPhone 7), que facilita o transporte do móbil no peito, no cinto ou en vehículos a través de distintos adaptadores.
Aínda que estamos ante un smartphone que non muda tecnicamente fronte á súa versión civil, esta Tactical Edition inclúe características como modo de visión nocturna, modo infiltración, bloqueo da rotación automática da pantalla e outros accesos rápidos que resultan de grande utilidade. A súa cámara pode disparar fotografías de 64 Mpíxeles e gravar vídeo 8K, polo que pode captar imaxes de alta resolución incluso baixa pouca luz para poder subministrar información dende o terreo, permite a personalización do botón lateral para lanzar aplicacións de misión rapidamente, e tamén axusta a sensibilidade táctil da súa pantalla para poder manexarse con luvas.
Aínda que o Galaxy S20 é un dos móbiles capaces de funcionar con maior variedade de redes (incluso ten 5G e WiFi 6), na súa Tactical Edition inclúe soporte de drivers para radios tácticas, telémetros láser, GPS externos e outros accesorios moi prácticos nunha misión real.
Este produto sairá á venda o vindeiro trimestre a través dun grupo escollido de distribuidores (xa que non estamos ante un produto dirixido ao mercado de consumo).

Vídeo promocional das fundas reforzadas de Juggernaut

PUBLICIDADE