Samsung amosa unha pantalla interactiva de 85 polgadas pensada para a formación semipresencial

venres, 23 de outubro do 2020 Marcus Fernández

A pandemia está a mudar o xeito de impartir a docencia nas aulas, facendo cada vez máis frecuente a modalidade semipresencial, que supón todo un reto para o que Samsung propón unha nova xeración de pantallas táctiles interactivas que facilitan a colaboración e a comunicación en persoa, a distancia e en contextos híbridos, que contaba con produtos con pantallas de 55 e 65 polgadas aos que agora únese unha pantalla interactiva de 85 polgadas.
A idea desta grande pantalla é funcionar como un encerado dixital, no que varios usuarios poidan interactuar de distinto xeito (escribindo, debuxando, manexando presentacións...), pero que, aproveitando a conectividade, poida reflectirse nas pantallas dos portátiles dos alumnos que estean en remoto, de xeito que tamén poden participar dende os seus fogares.
Esta nova pantalla interactiva de Samsung ten un panel de 85 polgadas con resolución 4K, soporta até 20 puntos táctiles e incluso conta cun espazo para a súa ampliación, de xeito que pode integrárselle un mini-ordenador no seu interior no caso de precisar o seu uso para tarefas esixentes.
Estamos ante un produto dirixido ao mercado profesional, que pode resultar práctico tanto en docencia como en contornos corporativos de distinto tipo, ou basicamente en calquera escenario no que busquen interactividade e colaboración.

PUBLICIDADE