Samsung amplía o número de televisores que poden acceder directamente ao xogo na nube de Xbox

mércores, 16 de novembro do 2022 Marcus Fernández

De cara ao Nadal semella que a marca protagonista do xogo na nube quere ser Samsung, que xa introducira o seu Gaming Hub nos televisores e monitores de 2022 e agora anuncian que até finais de anos irán ampliando a dispoñibilidade do xogo en streaming a televisores de 2021, o que supón ampliar enormemente a base de equipos que poderán acceder a servizos como Xbox Game Pass, nVIDIA GeForce NOW, Utomik, Blacknut e Antstream Arcade (estes dous últimos servizos engadiranse en 2023).
No caso de nVIDIA Geforce NOW salientan que os televisores de Samsung serían os primeiros do mercado en recibir a posibilidade de xogar de xeito nativo en 4K, deixando claro que cada vez temos un xogo en streaming máis potente e comparable co das consolas tradicionais sempre que gocemos dunha boa conexión de banda larga.
Dende Microsoft si consideran moi importante que Samsung vaia facilitar o acceso a Xbox Cloud Gaming a moitos televisores fabricados a partir de 2021, pois incrementan considerablemente o seu público potencial e fan moi accesible o seu servizo de subscrición. Incluso chegan a apuntar que tiñan pensado comercializar un dispositivo para poder gozar do xogo na nube en calquera televisor, pero que o seu prezo sería tan elevado que finalmente desbotárono para apostar por integrarse directamente en televisores, comezando polos da marca Samsung, cos que chega con enlazar un mando Bluetooth para poder xogar a potentes xogos de xeito instantáneo sen contar cunha consola de videoxogos e sen ter que aturar os cansos procesos de descarga, instalación e actualización que se padecen nas consolas.

PUBLICIDADE