Samsung anuncia tarxetas microSD con velocidades de até 800 MB/s
xoves, 29 de febreiro do 2024
Aínda que os dispositivos móbiles cada vez contan cunha maior capacidade de almacenamento interno, as tarxetas microSD seguen a ter demanda, e dende Samsung continúan a evolucionar este tipo de dispositivos mellorando as súas principais carencias: a capacidade e a velocidade.
Así, temos que este mesmo ano van comercializar tarxetas microSD con interface SD Express, o que permitirá conseguir velocidades de acceso propias dalgunhas unidades SSD. Así, mentres unha tarxeta microSD UHS-1 ten velocidades de transferencia de 104 MB/s, con SD Express a velocidade estaría limitada a 985 MB/s.
No caso das novas tarxetas microSD SD Express de Samsung a velocidade chegaría até 800 MB/s, superando sobradamente os 560 MB/s das unidades SSD SATA, o que fará que o seu uso sexa moi axeitado, non só para dispositivos móbiles, senón incluso para ordenadores persoais, para usos moi diversos nos que a velocidade de transferencia resulte crucial.
Para o terceiro trimestre do ano tamén teñen prevista a comercialización de novas tarxetas microSD UHS-1 cunha capacidade de 1 TB, cubrindo así a demanda de unidades de grande tamaño. Estas tarxetas estarán dispoñibles en versión EVO Plus e PRO Plus.