Samsung e Apple poderían incluír a medición de glicosa en sangue nos seus reloxos este mesmo ano

luns, 25 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

No marco do CES a empresa nipoa anunciou ter un prototipo de smartwatch capaz de medir o nivel de glicosa en sangue de xeito non invasivo, e dende ET News aseguran que tal funcionalidade podería chegar este mesmo ano ás grandes marcas, dando por feito que na segunda metade do ano vería a luz o que posiblemente sería o Galaxy Watch4 con medición de nivel de glicosa en sangue mediante un sensor óptico, completando así as funcións de monitorización de ritmo cardíaco, osíxeno en sangue, presión arterial e electrocardiograma (presentes no Galaxy Watch3, aínda que só activadas nalgúns territorios, en función das autorizacións das entidades sanitarias locais).
Dende ET News non chegan a concretar se o smartwatch que recibirá primeiro a nova funcionalidade, que podería ter unha grande aceptación entre os diabéticos ou xente que simplemente está moi preocupada pola súa saúde. A medición de glicosa tanto podería incorporarse no Galaxy Watch4 ou nun Galaxy Watch Active3, en funcións de se Samsung prefire realizar este lanzamento bomba nun reloxo urbano ou nun modelo máis deportivo.
Comentan que para estas medicións o reloxo de Samsung empregaría a espectroscopia Raman valéndose dunha investigación que están a desenvolver cun equipo de investigación do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, e tamén apuntan que Samsung non sería a única grande compañía en lanzarse a este prometedor tipo de medición, xa que o Apple Watch 7 tamén podería contar con medición de glicosa en sangue de considerar que conseguir tal monitorización con certa fiabilidade.

PUBLICIDADE