Samsung estrea unha solución de altofalantes sen fíos para o fogar

xoves, 3 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Samsung quere contribuír a unha boa experiencia de reprodución de son, polo que pon á venda o seus sistema de altofalantes sen fíos Samsung Shape (WAM750) que permite que os amantes da música poidan gozar da mesma en calquera habitación do fogar dende varias fontes de audio. Este novo altofalante pode empregarse de xeito independente ou combinarse co Samsung Hub (WAM250) e outros altofalantes M7 adicionais para crear un sistema multi-habitación.
Para empregar esta solución chega con conectar o M7 (ou o Samsung Hub) a un router e descargar unha aplicación de balde que controla varios altofalantes e fontes de audio dende o smartphone, sempre cunha excelente calidade sonora e eliminando a necesidade de conectar cada altofalante a un router. Os altofalantes poden emparellarse directamente cun smartphone, o que é especialmente doado se facemos uso de Bluetooth + NFC.
Os altofalantes M7 sairán a venda nos EE.UU. o vindeiro día 13 a un prezo de 399,99 dólares, mentres que o Samsung Hub custará 49,99 dólares.

PUBLICIDADE