Samsung incorpora o lapis do Note7 na súa nova tableta

mércores, 14 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Samsung vén de estrear no mercado surcoreano a tableta Galaxy Tab A (2016) con S Pen, ou sexa, que incorpora o lapis do Samsung Galaxy Note7 ás súas tabletas, estando este produto dispoñible por 489.000 wons (387,32 euros) na súa versión Wi-Fi, descoñecéndose polo momento os prezos e datas de lanzamento que terá no resto do mundo (aínda que é de prever que chegue a Europa en poucas semanas).
Esta tableta que busca satisfacer a demanda de trebellos con stylus ten unha pantalla de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.200 píxeles, funciona cun procesador Exynos 7870 de 8 núcleos a 1,6 GHz, 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento interno. Está equipada con cámaras de 8 e 2 Mpíxeles e batería de 7.300 mAh (que achegaría unha autonomía de até 14 horas de uso) e funciona con Android 6.0. Tamén terá modelo con 4G, que posiblemente poidamos adquirir en breve a través dalgún operador de telefonía móbil.

A nova tableta Galaxy Tab A (2016) funciona co lapis dixitalizador do Galaxy Note7

PUBLICIDADE