Samsung ofrecerá até 4 xeracións de actualizacións de sistema dos seus principais dispositivos móbiles

xoves, 10 de febreiro do 2022 Marcus Fernández

Samsung anunciou hoxe a ampliación do seu compromiso de ofrecer unha experiencia móbil máis actualizada e segura posible aos seus usuarios, de xeito que determinados dispositivos Galaxy contarán con 4 xeracións de actualizacións de One UI e do sistema operativo Android, así como 5 anos de actualizacións de seguridade.
Até o momento Samsung garantía 3 xeracións de actualizacións, e agora eleva un ano este compromiso, o que tranquilizará a moitos usuarios que non queiran quedar desatendidos polo fabricante do seu smartphone ou tableta como acontece con fabricantes que nalgunha situación non chegan a publicar ningunha actualización do sistema operativo, o que supón toda unha ameaza para un uso seguro dos dispositivos móbiles conectados á Rede.
Os dispositivos que recibirán 4 xeracións de One UI e 5 anos de actualizacións de seguridade serán os móbiles das series Galaxy S21 e posteriores, da Serie Galaxy Z de 3ª xeración e posteriores, os vindeiros Galaxy A e as tabletas Galaxy Tab S8 e posteriores. A partir do Galaxy Watch4 tamén se comprometen a actualizar até 4 anos One UI Watch e Wear OS by Samsung.

PUBLICIDADE