Samsung permite alugar e probar os seus novos móbiles encartables
martes, 17 de agosto do 2021
Os
novos smartphones encartables de Samsung chegarán ás tendas o vindeiro 27
de agosto a prezos de partida de 1.059 e 1.809 euros en función do modelo, polo
que quedan fóra do alcance de moitos consumidores ou incluso poden provocar
certo reparo para usuarios que si poden permitirse a adquisición pero
consideran que é un risco adquirir un dispositivo deste tipo sen probalo antes,
de aí que lancen un par de programas para facilitar facerse cun dos
dispositivos da serie Z: a proba durante 60 días e o aluguer.
No caso de usuarios que dubiden se un Samsung Galaxy Z Fold3 5G ou un Samsung
Galaxy Z Flip3 5G son dispositivos válidos para o seu día a día, Samsung ofrece
a probabilidade de mercalos
e gozar dun período de proba de 60 días, de xeito que se o consumidor non
está satisfeito pode devolver o produto e recibir a devolución dos seus cartos,
opción para o que será preciso rexistrarse dentro dos 14 días posteriores á data
de compra.
Pero a opción máis rechamante das ofrecidas por Samsung é probablemente o aluguer
dentro do programa
Renting by Evollis, que permite alugar un dos novos Galaxy Z durante 18
meses, de xeito que tras 12 meses ofrecerán a posibilidade de mudalo por outro
modelo dentro do programa (renovando o contrato) ou continuar co aluguer até
cumprir os 18 meses (tras o que haberá que devolver o dispositivo).
Como exemplo de aluguer dun Galaxy Z Fold3 5G, o modelo con 256 GB de
capacidade ten unha mensualidade de 70,82 euros e un pagamento inicial de 99
euros, mentres que un Galaxy Z Flip3 5G de 128 GB tería un pagamento adiantado
de 99 euros e unha mensualidade de 43,83 euros. Este sistema de aluguer inclúe
tamén un plan de protección contra rotura accidental, oxidación accidental e
roubo.