Samsung pon á venda un centro multimedia para o fogar

martes, 8 de outubro do 2013 Marcus Fernández

A pasada fin de semana saíu á venda nos EE.UU. por 299,99 dólares o Samsung HomeSync, un centro multimedia que permite almacenar, sincronizar e entregar mediante streaming contidos a múltiples dispositivos, permitindo tamén que os contidos almacenados en dispositivos GALAXY podan compartirse, verse e controlarse directamente no televisor mentres estamos no fogar ou en mobilidade (valéndose dunha aplicación dispoñible de balde en Google Play).
Este dispositivo que busca converterse no corazón multimedia do fogar integra no seu interior un disco duro de 1 Tb, ao que pode accederse dende 8 contas por separado, facilitando que cada usuario defina as súas opcións de sincronización, así como cargar ou descargar contido móbil. Deste xeito, o HomeSync permite que un membro da familia poida subir a este dispositivo fotografías dun evento ao que asiste, para que os membros do fogar poidan velo no televisor ou noutro dispositivo móbil conectado a este servidor doméstico.
O Samsung HomeSync non só permite visualizar os contidos no seu disco duro, senón que tamén pode servir de pasarela en tempo real para amosar no televisor os contidos que teñamos no móbil. A súa distribución europea aínda é limitada, podendo atoparse, por exemplo, en Alemaña, a un prezo de 298,20 euros.

O Samsung HomeSync conta con boas opcións de conectividade

PUBLICIDADE