Samsung pon á venda unha cámara de 360 graos profesional
xoves, 19 de outubro do 2017
Coa cámara
Gear 360 a compañía surcoreana Samsung soubo crear un produto moi atractivo
para a captación de imaxes envolventes que poder visualizar con cascos de
realidade virtual dun xeito inmersivo, pero este produto claramente está
destinado ao mercado de consumo, ou sexa, que non ten calidade dabondo para
crear contidos profesionais, e para solucionar tal carencia presentan a 360
Round, unha nova cámara equipada con 17 obxectivos (8 pares de cámaras
estéreo e un obxectivo adicional en vertical) coas que fan posible captar con
grande detalle o que acontece ao seu redor de xeito estereoscópico (ou sexa,
que o usuario verá en 3D en calquera
ángulo), sendo incluso posible retransmitir vídeo en directo en 4K e con audio
espacial, facilitando así que nos traslademos virtualmente á súa posición poder
asistir remotamente a espectáculos en directo.
A 360 Round é unha cámara moi compacta, con certificación IP65 (resistente á
auga e ao po) e, principalmente, cun prezo moi inferior ao das cámaras de 360
graos profesionais, o que xogará un papel importante na popularización das
retransmisións de vídeo en 360 graos estereoscópicos.
Este trebello está equipado con 17 cámaras de 2 Mpíxeles con obxectivos con
apertura f/1.8, integra 6 micrófonos internos para audio espacial e 2 tomas
para micrófonos externos, conta con 40 GB de almacenamento interno ampliable
mediante tarxetas SD de até 256 GB ou unidades SSD de até 2 TB e inclúe
conectividade LAN e USB-C. Mide 205 x 205 x 76,8 milímetros, pesa 1,93
quilogramos e pode retransmitir e gravar vídeo en 3D ou 2D vídeos a 4.096 x
2.048 píxeles por cada ollo a 30 fotogramas por segundo.
Cómpre destacar que para poder controlar a cámara e retransmitir vídeo en
directo a través da Rede é preciso contar cun equipo bastante potente,
recomendándose que tema como mínimo un procesador Intel Core i7-6950X, 32 GB de
RAM e gráfica nVIDIA GTX 1080 Ti.