Samsung prepara lectores híbridos de tarxetas microSD/UFS

luns, 18 de xullo do 2016 Marcus Fernández

O lanzamento de novos soportes de almacenamento tende a ser complicado, dado que nos períodos de transición hai que manter a compatibilidade cos formatos anteriores, e neste sendeiro está a entrar Samsung, que coas súas novas tarxetas UFS busca suceder ás tarxetas microSD, e agora confirman que, en vez de saltar abruptamente ao novo formato, están a traballar en rañuras capaces de traballar con tarxetas micro SD e as novas UFS 1.0.
O estándar UFS 1.0 resulta moi atractivo para cámaras, por ser até 5 veces máis rápida que o das tarxetas microSD, pero tamén os smartphones poderían beneficiarse destas vantaxes, conseguindo así que as tarxetas externas tivesen un rendemento semellante ao do almacenamento interno do teléfono, e confíase en que o primeiro dispositivo en incorporar o novo lector de tarxetas sexa o Samsung Note 7, smartphone que posiblemente se presente nun par de semanas.
É posible que moitos outros fabricantes adopten este novo lector híbrido conseguindo así as vantaxes no novo formato de tarxetas atendendo igualmente as demandas dos usuarios de poder seguir a empregar as súas tarxetas actuais (para, por exemplo, recuperar información do anterior smartphone).

PUBLICIDADE