Samsung presenta a evolución do deseño dos seus smartphones GALAXY

mércores, 13 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Tras rumores que apuntaban a que Samsung estaba a preparar un smartphone con marco metálico, xa é oficial o Samsung GALAXY Alpha, que pode considerarse como o smartphone surcoreano máis parecido ao iPhone, aínda que cun tamaño claramente superior (xa que a súa pantalla de alta definición Super AMOLED ten unha diagonal de 4,7 polgadas, de xeito que pareceríase máis ao futuro iPhone 6).
Este novo smartphone consegue un acabado moi elegante, non só polo seu marco metálico e os seus bordes redondeados, senón tamén por gozar dun grosor de menos de 7 milímetros, suficientes para integrar unhas prestacións máis que suficientes para o usuario medio, que previsiblemente dará moito valor á elegancia deste móbil que chegará o mes que vén en varias cores (negro, branco, dourado, prata e azul).
O Samsung GALAXY Alpha funciona cun procesador de 4 + 4 núcleos, 2 Gb de RAM, 32 Gb de almacenamento interno (non ampliable), cámara traseira de 12 Mpíxeles (con HDR e gravación de vídeo en 4K), cámara frontal de 2,1 Mpíxeles, LTE, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.0, NFC, lector de pegadas dixitais e Android 4.4.4; ten unha batería de 1.860 mAh, un grosor de 6,7 milímetros e un peso de 115 gramos, prestacións bastante completas que, de combinarse cun prezo axustado, poderían converter a este smartphone nun dos máis vendidos do outono.

O GALAXY Alpha chegará o mes que vén en varias cores


Vídeo de presentación do Samsung GALAXY Alpha