Samsung presenta novas tarxetas de memoria para uso profesional

luns, 4 de setembro do 2023 Marcus Fernández

Samsung anunciou hoxe as súas novas tarxetas de memoria microSD e SD UHS-I Pro Ultimate, orientadas a fotógrafos profesionais e creadores de contido que precisan tarxetas de grande capacidade (até 512 GB) e grande velocidade (até 200 MB/seg.).
As tarxetas de memoria PRO Ultimate tiran o máximo proveito da interface UHS-I con velocidades de lectura de até 200 MB/seg. e con velocidades de escritura de até 130 MB/seg., de xeito que son unidades axeitadas para a gravación de contidos en 4K, soportando as especificacións Video Speed Class 30 (V30).
Estas memorias tamén coidan a súa fiabilidade e durabilidade, xa que a integridade dos datos almacenados é de suma importancia en contornos profesionais, e como mostra da súa resistencia aseguran que poden aguantar até 72 horas a 2 metros de profundidade, sobrevivir a caídas de até 5 metros de altura, contan con protección magnético e contra os raios X, aturan golpes de até 1.500 gramos e incluso poden funcionar a temperaturas extremas (entre -25 ºC e 85 ºC.
O uso destas tarxetas de memoria é ideal para cámaras, ordenadores, dispositivos móbiles e drons, que se empreguen para traballar con ficheiros multimedia de grande tamaño.
As novas tarxetas de Samsung chegarán ao mercado no mes de outubro.