Samsung presenta o primeiro Chromebook con pantalla QLED
venres, 8 de xaneiro do 2021
Pese a
que os Chromebook son equipos orientados principalmente ao mercado educativo, non
sempre buscan simplemente ser económicos e sinxelos, senón que algúns destes
ordenadores prefiren apostar pola versatilidade e a calidade, ou iso parece
cando vemos o novo Galaxy
Chromebook 2, o primeiro Chromebook con pantalla QLED, que ao ser un 2-en-1
consegue integrar con grande acerto os ecosistemas Galaxy e Google.
Dende Samsung pensan que este tipo de equipos pode ser axeitado precisamente
para usuarios que medraron utilizando Chromebooks no ámbito educativo, pero que
agora teñen outras necesidades, e así poden manterse en Chrome OS, pero gozando
de imaxes de calidade a través da súa pantalla de 13,3 polgadas e de potentes
altofalantes, para que tamén poida achegar unha magnífica experiencia de
consumo multimedia.
O Galaxy Chromebook 2 conta cun procesador Intel Core i3 de décima xeración,
4/8 GB de memoria LPDDR3, 64/128 GB de almacenamento intenro, webcam a 720p,
Wi-Fi 6, Bluetooth 5.0, teclado retroiluminado e a posibilidade de empregar un lapis
dixitalizador (USI) para tomar notas, debuxar ou editar fotografías. Ten un
grosor de 13,9 milímetros, un peso de 1,23 quilos e unha batería de 45,5 Wh,
polo que estamos ante un equipo cunha grande portabilidade, que chegará ao mercado
a un prezo relativamente asumible.