Samsung presenta os Galaxy S8 e S8+

mércores, 29 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Tras deixar pasar o Mobile World Congress de Barcelona e optar por un evento de seu, hoxe foi o día do Samsung Galaxy Unpacked 2017, ou sexa, que por fin os smartphones Samsung Galaxy S8 e S8+ son produtos oficiais, confirmándose as moitas filtracións dos pasados días e confirmando que estamos ante os novos referentes na telefonía móbil de alta gama, de xeito que cando saian á venda o 21 de abril serán os smartphones que integren máis innovacións no mercado. Prevese que o prezo de lanzamento do S8 sexa de 809 euros, mentres que o S8+ chegaría até o 909 euros.

Galaxy S8 e S8+

A posta en escena para amosar o teléfono optou por unha pantalla xigante que incluso ocupaba parte do teito para poder ilustrar sobre o novo formato de pantalla que adoptan os teléfonos, no que Samsung chama Infinity Display, e que supón un salto en inmersión tanto polo enorme tamaño de pantalla sen disparar o tamaño dos terminais (xa que eliminan os bordes laterais e incluso medran ao vertical, chegando a agochar o botón de inicio detrás da pantalla para aforrar espazo) como pola incorporación dunha incrible calidade de imaxe (aparte da resolución de 2.960 x 1.440 píxeles, a pantalla tamén conta con HDR, o que achega unha maior riqueza de cores e contraste).
O encargado en presentar os novos móbiles foi DJ Joh, presidente da división móbil de Samsung, quen non deixou pasar a ocasión para desculparse polos problemas que xurdiron ao redor do Note7, agradecer aos traballadores o seu esforzo nos momentos difíciles e prometer que a compañía tomou medidas para que unha situación semellante non volva repetirse.
O Samsung Galaxy S8 ten unha pantalla Quad HD+ de 5,8 polgadas, mentres que o S8+ incrementa o seu tamaño de pantalla até as 6,2 polgadas, de xeito que a diferenza de tamaño practicamente limítase á capacidade da súa batería (3.000 e 3.500 mAh respectivamente).
Polo demais estamos ante smartphones con Android 7.0, procesadores de oito núcleos (que varían en función do mercado), 4 GB de RAM (LPDDR4), 64 GB (FS 2.1) de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 256 GB), NFC (para Samsung Pay), Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0, USB-C, carga rápida con e sen fíos e resistencia ao po e á auga (IP68).
Tamén destacan as súas cámaras de 12 e 8 Mpíxeles, ambas con apertura F/1.7 que prometen mellorar os resultados obtidos co S8, especialmente na cámara Dual Pixel traseira con estabilización óptica de imaxe, que conta con sistemas de procesado de imaxe que busca que as instantáneas non saian movidas incluso con pouca luz.
A nivel de seguridade incorporan lector de pegadas dixitais traseiro e ao recoñecemento de iris que xa tiña o Note7 incorporáronlle tamén recoñecemento facial para facer aínda máis áxil o desbloqueo dos terminais.

Bixby

Pero os teléfonos de Samsung non chegan sos, e un dos detalles nos que máis insistiron na súa presentación é no asistente Bixby, que marcará distancias fronte ao asistente de Google e Siri por non ser simplemente un asistente, senón que tamén reacciona ante o tacto e ordes de texto, aínda que inicialmente só se aproveitará por parte de aplicacións propias de Samsung.

Realidade virtual, fogar e escritorio

Samsung non só está a revolucionar a interacción do teléfono, senón que tamén quere facelo co fogar, polo que con Samsung Connect quere simplificar o xeito de comunicarnos cos dispositivos conectados que teñamos na casa a través dunha única aplicación.
Probablemente o máis interesante da xornada chegou ao subir ao escenario Suzanne de Silva, quen confirmou a aposta de Samsung pola realidade virtual, de aí que presentase o novo Gear VR para S8 e S8+, que como principal mellora fronte ás versións anteriores ten un mando sen fíos, o que abre a porta a unha maior interacción nas experiencias envolventes; aínda que para a creación de contidos en 360 graos tampouco faltaron novidades como a nova versión da cámara Gear 360, que reduce considerablemente o seu tamaño e continúa a poder gravar vídeo envolvente en 4K e disparar fotografías de 15 Mpíxeles. Esta nova cámara tamén poderá empregarse para retransmitir vídeo en 360 graos en directo a través de Facebook, YouTube e Samsung VR.
De Silva tamén presentou a nova aposta de Samsung para levar o móbil ao escritorio informático con Samsung DeX, unha solución que lembra ao Continuum de Microsoft, e que permite o uso do teléfono como se fose un ordenador de escritorio (conectándolle un monitor, un teclado e un rato) o que pode resultar moi práctico cando sexa preciso editar algúns documentos ou realizar presentacións corporativas. Neste modo de funcionamento poderemos gozar de páxinas web, vídeos e incluso de aplicacións móbiles como o Microsoft Office, o Adobe Acrobat Reader ou o Lightroom, aínda que tamén chama a atención o feito de que esta solución será compatible coas plataformas de virtualización de escritorios baseados en Windows como Citrix, VMware e Amazon Web Services, ou sexa, que para moitas empresas sería unha interesante solución para escritorios móbiles.
Para tirar proveito de Samsung DeX é preciso conectar o móbil a unha base DeX, que logo conéctase por HDMI a un monitor, mentres que o teclado e o rato poden conectase por Bluetooth, USB ou radiofrecuencia. A base tamén inclúe un par de portos USB 2.0, Ethernet, ventilador e USB-C (como entrada de corrente). Aínda que a base venderase de xeito independente (a un prezo de 149 euros), nalgúns mercados ofrecerase sen custo adicional cos novos S8 e S8+.

Vídeo de presentación dos Samsung Galaxy S8 e S8+